FREMSS defiende en Bruselas o equilibrio entre a conservación dos Recursos Pesqueiros e do tecido económico e os postos de traballo (Abril 2014)

  • A Fundación foi presentada hoxe en Bruxelas polos seus membros aos representantes do Comité Social Económico Europeo 
  • Outro dos obxectivos da fundación é unha participación máis activa do sector pesqueiro na coxestión da política pesqueira comunitaria “na que os protagonistas non sexan tanto a burocracia comunitaria, senón as institucións coma o CESE ou a nosa Fundación” 
  • O presidente Severino Ares destacou que “a nosa fundación tamén aposta pola ciencia, por iso contamos cun comité científico que busca dotar as nosas actuacións dun soporte técnico cualificado” 
  • A fundación aspira a representar ao sector da pesca coruñés e galego “sumando esforzos a outros grupos que xa levan anos neste sendeiro”

A Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) foi presentada polos seus membros esta mañá en Bruxelas aos representantes do Comité Social Económico Europeo (CESE). Durante a presentación á que tamén asistiron a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e mailo secretario general de Pesca do MAGRAMA, Carlos Domínguez, o Presidente de FREMSS, Severino Ares, salientou a “clara vocación económica e social da fundación” para “quebrar o actual desequilibrio entre o biolóxico, o económico e o social das medidas que se adopten en materia de xestión pesqueira”.

Dende FREMSS “entendemos que a gobernanza da pesca peca en moitas ocasións de deficiencias relacionadas co económico e o social, tomándose en moitas ocasións decisións importantes cun sesgo medioambientalista extremo e radical. Isto fai que moitas das decisións adoptadas nas instancias comunitarias teñan un impacto económico e social de suma gravidade para o sector da pesca, sobre todo en Galicia”, destacou o presidente da fundación.

Por iso na Fundación consideramos básico o equilibrio entre a conservación dos recursos e a conservación do tecido económico e dos postos de traballo, un equilibrio que faga viable a explotación dos recursos en parámetros de sustentabilidade e mantemento da actividade pesqueira. “De nada serve ter uns excelentes recursos, se non temos un tecido económico e social que os explote”, salientou Severino Ares.

Outro dos obxectivos da nosa fundación que destacou o seu presidente é o dunha participación máis activa do sector pesqueiro na coxestión da política pesqueira comunitaria “na que os protagonistas non sexan tanto a burocracia comunitaria, senón as institucións coma o CESE ou a nosa Fundación, que teñen unha forte presenza na actividade pesqueira”.

Ademais a nosa fundación tamén aposta pola ciencia, de aí que contemos cun comité cienfífico dirixido polo reitor da Universidade da Coruña e integrado por biólogos, antropólogos, armadores, patróns de pesca, representantes do sector, economistas, periodistas, profesores de dereito internacional, avogados especializados en dereito pesqueiro, etc. A través del o noso obxectivo é dotar as nosas actuacións dun soporte técnico cualificado.

Severino Ares agradeceu a presenza no padroado da Fundación de diversas administracións e institucións, entre elas a Consellería do Medio Rural e do Mar, pois “a nosa fundación cre básica a participación da sociedade civil en órganos asesores ou no día a día colaborando coas administracións autonómicas, estatais e comunitarias”. O obxectivo é que as organizacións e asociacións das que forman parte os cidadáns “sexan copartícipes da vida política e da xestión dos intereses sectoriais. Nós dende FREMSS, dixo Severino Ares, aspiramos a representar ao sector da pesca coruñés e galego “sumando esforzos a outros grupos que xa levan anos neste sendeiro”.

 

Na xornada de hoxe, os membros de FREMSS tamén presentaron a fundación nunha xuntanza coa Directora Xeral da DG Mare da Comisión de Pesca, Lowri Evans e farán o mesmo esta tarde co Presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Gabriel Mato, que estará acompañado da eurodeputada Carmen Fraga.