XORNADAS FREMSS REVISIÓN REGULAMENTO DE CONTROL

                                                                  CONCLUSIÓNS XORNADAS FREMSS REVISIÓN REGULAMENTO DE CONTROL

AUTOR: Torcuato Teixeira Valoria

A Coruña, 6 de outubro do 2018, SALÓN DE ACTOS LONXA DA CORUÑA.

Todos os participantes concordan a necesidade de revisión do actual regulamento de control, pero non, no seu alcance, e todos os participantes tamén concordaron a necesidade de contar cun control a nivel comunitario como ferramenta imprescindible para a consecución dos obxectivos da PPC.

A representante da Comisión de Pesca manifesta que o documento de partida, é un documento de traballo derivado de diferentes Informes do Tribunal de Contas Europeo, Europarlamento, etc.., pero tamén recoñece a escasa participación nos trámites de Audiencia Pública por parte do sector ou outras partes interesadas. Defende que hai que tratar de homoxeneizar as normas de control a nivel da UE, para que non haxa diferentes tratos ós operadores dependendo de cada país. Por parte da Comisión valórase moi positivamente o documento presentado polo Consello Galego de Pesca, e indícase que ese é o camiño para conseguir a mellor norma posible, animando ó sector a seguir participando mediante á aportacións de alegacións con casos reais de problemas de aplicación do regulamento actual e dos cambios que se pretenden introducir, ben sexa directamente ou a través dos Estados membros e Consellos Consultivos.

Por parte da Administración española indícase tamén a importancia do documento do Consello Galego de Pesca, e que en breve se iniciará unha consulta a Comunidades Autónomas e Sector para fixar unha posición de España cara as negociacións do Consello, que ten que marcar unha posición. Maniféstase tamén a necesidade de simplificar e non crear novas cargas nin para os pescadores e demais operadores, nin para os Estados, pondo como exemplo a proposta de instalar cámaras a bordo, pois a cantidade de datos que se derivarían desa posta en marcha ía non só acarrear dificultades para o sector, senón tamén para as propias Administracións para procesar toda a información.
Por parte da Administración Galega estase na mesma liña que a Administración Española e salientase que dende Galicia estase xa pondo enriba da mesa un documento clarificador sobre os problemas reais con que se atoparía o sector pesqueiro de levar a cabo a revisión nos termos en que está presentada. Tamén salienta que a complicación, as cargas e non contar coa aprobación do sector das normas que se introducen causa maiores problemas para o seu cumprimento, e os funcionarios xa de por si escasos para levar a cabo o control vense en situacións complicadas ó ter que aplicar normativas non adaptadas á realidade do sector Pesqueiro e que este rexeita.

Por parte do sector, polo representante da OPP 31 PESCAGALICIA tamén salienta a importancia do documento do Consello do Galego de Pesca ó respecto, faise unha crítica pola escasa participación do sector, apenas 7 asociacións e colectivos no período de audiencia pública, e pola desazón en xeral que produce que a Comisión sexa moi reacia a modificar as súas propostas, e que as diferentes alegacións que realiza o sector apenas teñen eco nos documentos que propón a Comisión de Pesca.
Explícase que o documento presentado é moi deficitario, non simplifica e trae consigo novas cargas totalmente inxustificadas como a instalación de cámaras nos buques pesqueiros ou instrumentos para medir as capacidades dos motores. En definitiva apúntase que habería que facer practicamente unha emenda á totalidade do documento presentado xa que é moi deficiente, e que hai que partir do principio por un lado de que o control non é un fin en si mesmo senón un medio para consecución dos obxectivos do RMS, no que tamén debe contar o aspecto económico e social, que debe respectarse os principios de gobernanza tales como a rexionalización, xa que as diferentes rexións pesqueiras tamén deben ter un tratamento diferente en base ás singularidades de cada pesquería e zona, e o principio de proporcionalidade para non ir mais ala do necesario na regulación do control, deixando ós Estados membros o protagonismo en base ás peculiaridades de cada flota e rexión pesqueira, resumindo deixar de forzar ó sector para que se adapte á norma e que sexa a norma a que se adapte á realidade que pretende regular.

 

Ponencia Anne Gautrais